sábado, 5 de diciembre de 2009

As miñas razóns para apadriñar








Apadriñamentos, ¿por qué agora, cales son os nosos motivos?

Fai moito tempo alguén preguntoume porqué non se facían apadriñamentos en Mediterránea, algo moi habitual noutras ONGs. As razóns eran moitas. Por unha parte, como organización de voluntarios que é, Mediterránea non ten o personal para ocuparse de facer fotos, xestionar cartas ou similar que require o seguimento individual de tantos nenos. Por outra, pensamos, non era factible "discriminar" a uns nenos doutros.
¿Cómo podían seleccionarse a uns si e a outros non?
Pero agora estamos propoñendo apadriñar a uns nenos: 22 en Abugida e 10 na escola Birhan, ainda que pronto se sumarán mais. ¿A razón? Foi a vida quen os seleccionou a eles. Porque son os nenos mais desprotexidos das nosas escolas.

Nenos con pais enfermos, ou que están ao coidado dunha avóa, ainda que esa avóa só teña unha pensión de menos de 5 euros ao mes. Nenos dos que se fan cargo os seus irmáns maiores, ainda con só 17 anos, convertidos en involuntarios cabezas de familia cando seus pais morren ou déixanos sós.

Nenos que están acollidos por unha muller que os quere con toda a alma, pero que ten outros catro fillos mais, e o seu home non entende por qué ten que dar de comer a outra boca cando apenas lles chega a eles. Nenos a cargo dun pai enfermo de SIDA que non deixou de acoder ao traballo nin un só dia, que os saca adiante de forma exemplar, pero que sabe que pode ter os dias contados.

Nenos que son criados por nais enfermas de VIH, contaxiadas polo seu home que llo transmitiu e que xa morreu.

Son nenos con circunstancias especialmente difíciles nunha situación xa difícil de por si, pois non esquezamos que os alumnos das nosas escolas están escollidos entre os mais humildes, os mais desfavorecidos.
Son nenos que necesitan algo mais, e que si son diferentes para o malo tamén han de selo para recebern unha axuda extra. Porque o merecen, porque merecen esa oportunidade.

Porque nen eles nin ninguén merece vivir na pobreza extrema, nin ser un neno mendigo na rua.

Porque seus pais merecen saber que, ainda que lles acaeza algo, ainda que estean enfermos, seus fillos van estar coidados.

Eu non son imparcial. Para nada. Coñezo a moitos deses nenos. Coñezo a moitos deses pais. E teño grabada a lume á nai dunha delas. Xureille que a axudaríamos cando soubemos que ela estaba enferma, moi enferma. E síntome orgullosa de Mediterránea, e de que realmente vaiamos a axudala. Porque por desgracia non teño, nin Mediterránea ten, esa variña máxica que poidera sanala ( ogallá!), pero si lle podemos asegurar que os seus fillos van estar ben. Por iso apadriñei, por iso agardo que haxa mais padriños.

Eu teño a sorte de que, se algo me acaecera, non deixaría á miña filla indefensa. E só quero que eses pais saiban que no seu caso será igual.


Stefanie Milla.

No hay comentarios:

Publicar un comentario