lunes, 26 de julio de 2010

4º Mundo Mallorca: resumo

Resumo: Programa do 4º Mundo Mallorca dende Novembro 2009 ata finais de Xullo de 2010.
Neste período de tempo uns 30 voluntarios de Mediterránea colaboraron con grande enerxía e entusiasmo e grazas a esta labor proporcionáronse de maneira constante alimentos, roupa, medicam,entos, xoguetes e material para a hixiene persoal a norteafricans, sudamericanos, europeos do Leste e españois entre outros. Durante case todo o inverno reparteuse comida para 1500 comidas diarias. Dada a coñecida xenerosidade dos subsaharians cos seus esa comida probablemente foi compartida por moitas mais persoas das que identificamos.
Mantivemos a nosa colaboración con centros coma Zaqueo ou Can Gaza.
Cabe destacar que se realizou un grande esforzo con Can Gaza, tanto en promover a sua autosuficiencia como en mellorar a sua capacidade en atender aos seus residentes. Levamos moitos anos axudando a estes centros e seguiremos facéndoo sempre que poidamos. En relación á comida distribuida, cabe destacar que se entregaron máis de 26379 kgs de alimentos nos que se incluen 6,5 toneladas de arroz e máis de 6180 litros de leite. A distribución dos alimentos foi a seguinte: 957 kg a Zaqueo, 7000kg en Palma Nova, 18000 en Palma e uns 400kg en Can Gaza.
A comida entregada incluía: aceite, arroz, allo, fabas, carne, cacao, cebolas, pasta, fruta en conserva, fariña, leite, sal, pementa, tomate en bote e pan de molde. Ao mesmo tempo entregábanse xabrón, lexía, pañales e deterxente.
Tamén puxemos en marcha duas escolas onde se deron clases de lectoescritura, castelán, inglés e informática. Isto é moi importante porque mellora a posibilidade de atopar un traballo,e un senso aos dias baleiros destes parados. Moitos poderán voltar aos seus países e traballar alí de guias turísticos ou intérpretes. Os que coñecedes o "Terceiro Mundo" sabede-lo ben que vai atopar como guia ou traductor a unha persoa que fala a tua lengua.
A crise, desafortunadamente, non desapareceu, e este inverno voltaremos a atoparnos con xente comendo na barredura, xente loitando para non ter que entrar no mundo do crime e da prostitución para poder subsistir, e xente que por motivos varios non pode acceder ao sistema de axudas convencionais.
Grazas a todo o equipo.
Michael Stoma.

miércoles, 21 de julio de 2010

Diario de viaxe en Abugida


AQUÍ vos deixo o diario da viaxe dunha das nosas voluntarias sobor dos seus primeiros dias en Abugida.
Qué ben escrebe esta rapaza, así que a prepara-los kleenex.
Só engadir como resposta a algunhas das preguntas que ela se facía nestes primeiros dias, que os nenos viven en chamizos feitos con lama e esterco, ou de lata e plásticos. Que só nalgunhas hai luz que enganchan dende a rua e que en ningunha hai auga. A cociña é comunitaria, ao igual que a letrina, se é que existe.
Por iso os baños de Abugida son os primeiros que están tomando na sua vida,¡e que ben lles sentan! ¡Que o disfrutedes!

domingo, 18 de julio de 2010

Ancians de Akaki



O 1 de Xullo comezamos a facer efectivo o soporte a 14 ancians en situación de risco social, polas suas baixas pensións ou por falla destas.

Estes anciáns, no caso dos dous homes, viven coas suas mulleres,e no caso das mulleres moitas delas están ao coidado de netos orfos menores de idade.

Os/as que non cobran pensión sobreviven da caridade dos veciños (tamén con recursos moi limitados) e no caso dun dos dous varones,que non ten ningunha pensión (ni el nin a sua muller) intentando traballar esporadicamente de garda de seguridade (o cal é un pouco difícil aos seus 75 anos.)

Anciáns necesitados na zona hai moitísimos, pero istos foron seleccionados (xa que por desgraza sempre hai que seleccionar) por non ter fillos que os poidan axudar. Hai tres anciás con graves problemas de visión e duas que apenas poden moverse.

No caso dos que teñen unha pequena pensión - que pode ser de 30 birrs mensuais, 1,69 euros - Mediterránea aporta a cantidade restante ata 300 birrs, no caso de que a persoa viva soa e 400 birrs no caso de que a persoa viva en parella ou con netos. Estas son as cantidades que permiten sobrevivir con dignidade en Etiopía.

Foto: entrega dos cartos. Fallan duas mulleres que non poideron desprazarse, ás que se lle entregaron os cartos no seu domicilio.

sábado, 10 de julio de 2010

Derradeiro vídeo de Mediterránea

Se queres ver o noso derradeiro vídeo preme AQUÍ.

jueves, 8 de julio de 2010

A gardería de Abugia en marcha,¿queres ir en Agosto?











Ola, aquí vos deixamo-las fotos da gardería cos nenos dentro. Hai 31 nenos, de entre 1 e 2 anos. Ao longo deste mes temos duas voluntarias en Abugida, as duas son un crack. Traballadoras, intelixentes, dispostas, integradas, flexibles...están axudando moitísimo.
Coincidiron coa posta en marcha da gardería, o que estivo moi ben, xa que ao ser esta unha experiencia novedosa pola curta idade dos nenos e estar acostumadas as coidadoras ao traballo meramente asistencial (ao traballar en orfanatos, casas cunas de Ecais, etc) e non estimulativo-pedagóxico, están a agradecer moito a axuda das nosas duas voluntarias.
Transcribo parte dos mails das nosas voluntarias, coas que estamos en comunicación frecuente
.
Ola rapazas. A vida segue sendo bela aquí. Traballamos moi ben, ¡penso que pediremos setembro sen traballo e soldo! Neste mail voume centrar no traballo cos bombóns e despois cóntovos outras cousas de organización, cartos, informática...
Hoxe estivemos na aula dos peques toda a xornada (agás miniescapada para almorzar inyera). Cóidanos moi ben, estamos contentísimas aquí. As mestras son unha dulzura, o persoal de despacho(como eu os chamo) está sempre atento ao que poida facernos falla e os nenos están para comelos.
Quixeron dar un dia mais (hoxe luns) como período de adptación por non comezar de golpe tra-lo fin de semán. Non o vexo nada mal. Así que o primeiro grupo veu de 8 a 10, e o segundo de 10 a 12. A partir de mañá veñen todos a horario completo.
Mañá porán os chandals-uniformes. Será xenial porque van vestidos pouco adecuados a actividade, ao tempo, coa roupiña rota...
Os peques choran...o normal dada-las circunstancias. Só hai unha que non chegou a calmarse, pero non me preocupa moito porque non se ve enferma, (a enfermeira mirouna por se acaso), comeu (só tortilla) e deixou de chorar cando viu á sua nai. ¡Foise sorrindo!
Mañá imos facer pasar ás mamás á gardería. Vémola preciosa e di Zeri que só algunhas a coñecen. Cando veñan a buscalos farémolas pasar, ensinarémoslles as instalacións, contarémoslles o que se fai alí, falarémoslles das comidas...Trátase de achegalas ao centro, véxoas tímidas e sería bonito que saiban onde deixan aos seus fillos. (encantaralles).
A comida dos nenos é nutritiva e semella gostarlles a todos eles.
A enfermeira semella unha maravilla. É encantadora cos nenos, intelixente, atenta...fainos de traductora (inglés-amárico) , axúdanos moito. Adora aos nenos, e cando lle falei de X como VIH sorriume cómplice, agarrouna e pegoulle un bico de película. E eu, que ando blandiña coa miña cadela, desfíxeme ao vela. Díxome que ela se encarregará de supervisar que os biberóns da nena vaian ben feitos (de cantidade de auga e de leite, que estean fervidos...) ¿Boa fichaxe, si señor! As actividades non se están levando a cabo polo do período de adaptación. Trataremos de inicialas mañá e xa vos contaremos como vai todo.
Se cres que Abugida pode selo teu sitio de voluntariado en Agosto, escrébenos e enviano-lo teu C.V. Desafortunadamente a voluntaria de Agosto non vai poder ir, así que buscamos a alguén que sexa independiente, voluntariosa, traballadora, creativa e amoldable. Poñémolo en feminino porque a convivencia é con mulleres, e as mulleres de alí prefiren convivir con mulleres cando se trata dunha convivencia estreita.
Caso aparte será se atopamos un manitas voluntario, que fai moita falla...estamos nelo.
Como requisito necesario pedimos aos voluntarios que se fagan socios.
Moitas grazas.
Equipo de Mediterránea-Etiopía.

lunes, 5 de julio de 2010

Fotos dos pequenos artistas de Abugida











Aquí vos deixamos unhas fotos da cerimonia de inauguración da nova Abugida.
A foto do neno con sombreiro corresponde a unha pequena obra de teatro que fixeron. As suas obras de teatro sempre están baseadas en historias que educan. Están relacionadas con asuntaos varios da vida cotidiá. Neste caso escenificaban a historia dun pai que non quere que o seu fillo vaia á escola, quere que se poña a traballar. A nai defende ao fillo e o pai ponse pesado, pero a nai busca o consello dun home sabio e o pai finalmente recapacita e deixa que o seu fillo vaia á escola. ¡Ademais remata co pai bicando á sua muller e ao seu fillo!
Non hai que dicir que o pai fixo unha grande actuación, como tódolos demais, incluidas as risas que se lle escapaban ás veces sen poder evitalo.
E o baile do regaetón, super. Había que ve-las caras dos líderes relixiosos...

viernes, 2 de julio de 2010

O software libre chega á escola Fitawrari






Lembremos que o uso do software libre permite ás persoas con menos recursos acceder ao mundo dos ordenadores, o que marcará en grande medida as suas posibilidades de progreso e desenrolo, e ata as suas oportunidades de traballo.
Tamén ofrece a oportunidade de recicla-los ordenadores que se envían aos países en desenrolo (máquinas descartadas por seren demasiado vellas noutro sitio).
As ventallas deste sistema de terminales de servidor son evidentes. Para comezar, instalar un terminal de rede deste tipo é máis barato, xa que se utiliza hardware más antigo e unha vez instalado non hai necesidade de caras actualizacións.
Na derradeira viaxe levamos 5 ordenadores portátiles con Edubuntu (Linux) instalado en todos eles. Agora acaban de chegar dous máis que xa levaron as voluntarias que van pasa-lo mes de Xullo en Abugida, así que xa serán 7 os ordenadores con Linux listos para usar na Fitawrari, que lembremos que é unha escola de primari e secundaria.
Un grupo dunhas 30 persoas entre persoal de Abugida e da Fitawrari apuntáronse a un curso intensivo acerca de Edubuntu que deu Michael, o presi de Mediterránea a lixunero por excelencia, con grande entusiasmo e moitas gañas de aprender.
Edubuntu é unha derivación oficial da dsitribución Linux Ubuntu, destinada para o seu uso en ambientes escolares. A través de Internet baixamo-las derradeiras actualizacións para que dispuxeran na escola Fitawrari das versións máis novas dos programas, todo configurado e listo para usar. Sentamos un precedente no uso do software libre na zona.
Ubuntu é unha milenaria palabra africana que significa "humanidade para outros". Ubuntu tamén significa "son o que son grazas ao que somos todos". Así que o nome está moi ben posto...
Edubuntu desenrolouse en colaboración con docentes e tecnólogos de moitos países. Ten como obxectivo a poboación entre os 6 e os 18 anos.
En sucesivas viaxes seguiremos levando oredenadores portátiles á escola Fitawrari, con Edubuntu Linux instalado, por suposto.
Fotos: mestres e mestras entusiasmoados aprendendo Linux.